Laura Bugallo xa está en liberdade

Concentración pola detención de Laura Bugallo IV

Movemento pola Base considera a detención de Laura Bugallo “unha caza de bruxas contra aqueles sectores da sociedade galega solidarios coas persoas inmigrantes”. O MpB critica a posición de cobardia da maioria da dirección da central sindical CIG, que “negou o seu apoio formal e público a nosa compañeira, favorecendo o clima criminalizador contra Laura”.

A Mesa Nacional do Movemento pola Base quere amosar a súa solidariedade coa compañeira sindicalista Laura Bugallo.

Laura é unha persoa sobradamente coñecida na comarca de Compostela polo seu traballo en prol da defensa dos dereitos humanos e laborais das persoas inmigrantes tanto desde o seu traballo na CIG Migración como noutros foros e redes de axuda a este colectivo.

Deste xeito consideramos que a detención de Laura é unha caza de bruxas contra aqueles sectores da sociedade galega solidarios coas persoas inmigrantes e que fan máis leve no dia a día a aplicación da inxusta lei de Estranxeria, e que sempre loitaron en contra desta inxusta lexislación.

Preguntámonos se a dureza aplicada contra Laura por parte das autoridades xudiciais e policiais, 50 horas encarcerada, rexistro do lugar de traballo, rexistro do seu domicilio, etc, tamén son aplicadas aos empresarios que todos os dias explotan man de obra inmigrante sen dereitos, e que son os novos escravistas do século XXI, gozando de total impunidade.

Nese sentido, non nos deixa de sorprender a posición de indiferenza, distancia e cobardia manifestada por parte da maioría da dirección da central sindical nacionalista CIG, na que Laura exerce o seu labor sindical, traballo polo que precisamente  foi detida. Nestes duros momentos a maioría da dirección da CIG non estivo á altura,  negou o seu apoio formal e público a nosa compañeira, favorecendo o clima criminalizador contra Laura.

Todos e todas os que coñecemos a Laura non dubidamos da súa incuestionábel labor e traballo solidario e honestidade na loita contra a inxustiza nas leis que considera a certas persoas ilegais e favorecen situacións de neoescravitude, negando dereitos humanos a persoas polo mero feito de ter nacido en países empobrecidos.

Por último, sentímonos moi orgullosos e orgullosas do apoio amosado o mércores 27 de maio por múltiples persoas, colectivos e organizacións que se manifestaron en solidariedade con Laura, e que desde a Praza do Toural até ás portas da  comisaria máis de 200 persoas se mobilizaron pola liberdade de Laura e cun berro unánime: defender inmigrantes non é delito!