Palestra "E despois do 29M, que?"
A reforma laboral de Rajoy supón o maior recorte aos dereitos da clase traballadora dos últimos 30 anos. O sindicalismo nacionalista foi quen de garantir o éxito da convocatoria do pasado 29 de marzo, no que se demostrou que existe unha maioría social contraria aos importantes recortes que padecemos en materias tan sensíbeis como a sanidade ou a educación.
Sería un erro pensar que estas medidas só afectan aos traballadores. Tras a aplicación do Plano de Boloña ficou clara a tendencia de convertir a universidade pública nunha fábrica de precarios. E tamén temos que estar alerta a outros movementos que, dende fóra das estructuras sindicais, ofrecen respostas de mobilización e rúa diante do paro e da precarización das condicións de vida.
Para nós a resposta é clara: compre seguir na mobilización. Con esta mesa redonda pretendemos buscar diferentes lecturas que poidan confluir nas loitas concretas, de cara a un futuro que conta con numerosos interrogantes.
Este acto organizado polo Movemento pola Base o vindeiro mércores 18 de abril terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Dereito da USC, e terá comezo ás 20.00 h. Intervirán na mesa redonda o compañeiro Rafael Peña, da CIG, que nos falará sobre as novas perspectivas abertas dende no eido sindical. Adrián Dios, militante da Liga Estudantil Galega, acercará unha visión de como afecta a crise á mocidade, e que respostas se estan deseñando dende a organización do estudantado. Pilar Gayoso, da asemblea de desempregadas de Compostela, dará unha óptica de movemento en relación ás iniciativas nas que traballa na nosa comarca.