O lume nas fragas do Eume é unha cuestión política

O incendio que asolagou nestes días o Parque Natural das Fragas do Eume non pode ser cualificado de “catástrofe natural”, pois o seu inicio e desenvolvemento demostra que os danos do mesmo incrementáronse exponencialmente en función de factores que nada teñen de naturais: a falla de previsión e de medios, a ineficaz coordenación do dispositivo por parte das autoridades políticas, as mentiras e manipulacións, a desinformación e desprotección da veciñanza afectada e os suculentos intereses económicos que este lume ocasiona deixan ben ás claras que esta traxedia é consecuencia das nefastas políticas forestais da Xunta de Galiza e da venda dos recursos do país aos intereses das grandes empresas.

 

1º. A información, suministrada pola propia Xunta, de que a orixe do lume tivo lugar mediante tres focos, distantes e simultáneos, ubicados en zonas de difícil acceso, non deixa marxe algunha para dubidar da intencionalidade dun incendio con consecuencias económicas evidentes.

 

 

2º. A zona afectada polo lume, tal e como denunciou a rede Galiza Non Se Vende, son zonas eólicas e forestais susceptíbeis de ser “repoboadas”, e o rebaixarse o seu valor ecolóxico, benefician directamente varios intereses empresariais depredadores, como o proxecto de celulosa nas Pontes, a restauración da Mina da mesma localidade e máis o proxecto de minas de andaluzita ou o proxecto de novo encoro do Eume.

 

3º. O goberno da Xunta do PP recurtou nestes tres anos até 22 millóns de € no servizo de prevención e extinción de lumes, e malia as especiais condicións climatolóxicas deste inverno, caracterizadas polo prolongado período de seca, non adiantou o comezo da tempada de lumes.

 

4º. A descoordenación do operativo foi de tal calibre que, na madrugada do sábado ao domingo, estábnse empregando case que a metade de efectivos que os empregados noutro lume no concello ourensán de Avión, cunha superficie queimada de menos do 10% da que prendeu nas Fragas.

 

5º. As mentiras e a manipulación do PP trouxeron á memoria colectiva dsastres como os do Prestige, falseando os datos, evitando referirse ao Parque Natural e empregando os medios públicos para tirar a foto das autoridades xestionando a traxedia, imaxe ben distante da realidade.

 

6º. Como denuncian numerosas veciñas e veciños, e mesmo cargos públicos dos concellos afectados, o lume puxo en varias ocasións en perigo ás casas e ás persoas diante da total pasividade da Consellaría, que tratándose de achegar medios materiais e humanos preferiu os dunha equipa de gravación da televisión pública para que a Conselleira dera o seu mitin, mentras as lapas amaeazaban as casas apenas a uns quilómetros dalí.

 

7º. Con todo, existen eivas estruturais derivadas da política forestal e de medio rural aplicadas polos sucesivos gobernos da Xunta desde a declaración das Fragas como Parque Natural, hai xa quince anos, que provocan que este tipo de traxedias poidan suceder con facilidade, pois non existe nen tan sequer unha cartografía do terreo.

 

Diante desta situación, o MpB, denuncia a incompetencia e neglixencia da Xunta de Galiza e anima a participar de calquer iniciativa que procure aglutinar á poboación para a mobilización e a denuncia desta traxedia e a defensa do medio natural e dos nosos recursos, especialmente ás xa existentes, como a Plataforma en Defensa das Fragas do Eume.

 

 

Galiza, 3 de abril de 2012.

AdxuntoTamaño
taboa_reivindicativa_e_accion_04.04.12.pdf60.47 KB