Movemento pola Base esixe a absolución de Aurélio Lopes e Iusa Prado, activistas en defensa do Galego que poden ser condenados prisión

O Movemento pola Base quer manifestar catro cuestións ante o xuízo que nos próximos dias 2 e 3 de febreiro se celebrará en Vigo contra dous activistas en defensa da lingua galega:

1º Cualificamos de gravísima montaxe policial e xudicial o xuízo contra Iusa Prado e Aurélio Lopes, detidos en 2008 por participaren nunha concentración en defensa da lingua galega que foi impedida violentamente por efectivos da Policía española.

2º O cargo de “atentado contra axente da autoridade” imputado a ambos e polo que poden ser condenados a penas de 3 anos e medio e 5 anos de prisión, respectivamente, responde á lóxica punitiva da Subdelegación del Gobierno de España en Ponte Vedra consistente en perseguir con cárcere e represión económica toda forma de protesta e mobilización social. Neste caso, é o movemento social para a defensa da lingua galega o que está no punto de mira de Delfín Fernández a través das persoas de Iusa Prado e Aurélio Lopes.

3º Apelamos á solidariedade das organizacións sociais, sindicais e políticas do País e, por extensión, da sociedade galega, para darmos unha resposta colectiva exemplar, acudindo masivamente ao xuízo que se celebrará na cidade de Vigo. É tarefa de todos e todas impedir, coa mobilización e a presión social, que dous cidadáns entren em prisión por defenderen o principal sinal de identidade da nación, encanto os partidarios do seu exterminio ditan leis contra o galego e financian grupos como Galicia Bilingüe para perseguiren o noso idioma.

4º Queremos facer mención especial ao noso compañeiro Aurélio Lopes, portavoz nacional da Causa Galiza e activo militante na defensa do dereito de autodeterminación para o noso País. Valorariamos o seu eventual ingreso en prisión como un xesto de hostilidade da Xustiza española contra Causa Galiza e contra a liña de traballo, activación e mobilización social que representamos. Esiximos, por tanto, a sua imediata absolución xunto á do Compañeiro Iusa Prado.