Perto de 3000 persoas maniféstan-se con Causa Galiza pola autodeterminación e contra o capital
A manifestación unitária do soberanismo galego no Dia da Pátria, convocada por cuarto ano consecutivo por Causa Galiza, mostrou o froito da intensa campaña divulgativa que realizou a iniciativa por todo o país, superando amplamente a asisténcia a anteriores convocatórias. Case 3000 persoas acudiron á marcha unitária, que saiu ás 13:3o h da Alameda de Compostela baixo o lema “Para enfrontarmos o capital, aquí e agora soberania nacional” e rematou na Praza do Toural, onde se deu lectura a un manifesto no que se destacou o papel do direito de autodeterminación para solucionar os problemas sócio-económicos do país. A marcha soberanista rematou ás 14:3oh na Praza do Toural, tras percorrer sen incidentes várias ruas da capital galega cunha numerosa e intimidatória presenza policial.
O acto político do Toural, que foi apresentado polo cantautor punk Leonardo F. Campos, comezou coa lectura dos apóios das organizacións internacionais e a actuación dos músicos galegos Mini e Mero. De seguido, o membro da portavocia Pedro Alonso leu o manifesto, no que se afirma que “conquistar para Galiza o direito de autodeterminación é conquistarmos a ferramenta que nos permitirá construír no noso País o modelo sócio-económico que a maioria social precisa”. Por último, Charo Lopes, tamén integrante da portavocia, lanzou unha arenga denunciando, no tocante aos recurtes realizados coa excusa da crise económica, que “están a refundar o capitalismo a costa das nosas vidas”. Advertiu tamén, contra os recurtes de direitos por parte do Estado Español, que “a nós non nos vale a legalidade do Estado, vále-nos a lexitimidade do pobo”. O acto político foi fechado co canto do Himno nacional.
Causa Galiza demostra así a forza crecente da defensa do dereito da cidadanía galega a decidir o seu propio futuro, unha reclamación irrenunciábel do noso pobo que entronca coas necesidades económicas, culturais, lingüísticas e sociais do país. O MpB valorou como de grande importáncia o feito da celebración do Dia da Pátria convocada por Causa Galiza, e aposta por continuar a traballar neste marco soberanista.