Contra a enquisa da vergoña.
Desde o Movemento Pola Base temos que denunciar a “enquisa da vergoña” que a Xunta de Galicia esta a enviar estes dias aos pais dos alumnos. Enquisa trampulleira e cun contido profundamente xenófobo pois o único que se pretende é deixar patente que numerosos pais e nais achan o galego como un idioma inútil e de pailáns. Este feito non produce sorpresa ningunha pois non é extraño que algunhas persoas dun grupo marxinado acaben asumindo os mesmos argumentos polos que son marxinados. Velaí o caso de Michael Jackson que empregou moitos millóns non só en abrancazar a cor da súa pel senón tamén en eliminar todos os trazos faciais da súa raza. O que pretende a “Consellaría da Educación Racista” é comprobar o número de Michaels Jacksons que existen na sociedade galega a verbo do seu idioma para deste xeito poder argumentar de maneira fraudulenta a derrogación dun decreto de mínimos e a posta en marcha de leis discriminatorias cos galegofalantes aos que vai obrigar a ser perfectos coñecedores dun segundo idioma (español) porque é o normal; no en tanto, váiselles permitir seren analfabeto en galego aos españolfalantes (total no sirve para nada y si alguien lo exige es porque es un radical). A enquisa é profundamente racista, tendenciosa e por riba zumega dos seus impulsores un fedorento conservadorismo machista intolerábel pois envíase unha enquisa por alumno e polo tanto os pais terán que reflectir a mesma opinión depois de teren un debate, unha vez que se aceite o "poder paternal" ou en función do que decida "o cabeza de familia" (masculino, por suposto) porque un matrimonio segundo as teses dos fascistas do Partido Popular parece ser ante todo “unha única unidade de pensamento relixioso”.
E desde o Movemento Pola Base preguntámonos : Para cando está prevista a denuncia contra o Estado Español por racismo e xenofobia diante do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos? Porque a discriminación do galego é, en definitiva, a discriminación e o racismo contra persoas concretas e, todo hai que dicilo, o galego non é so un idioma que se fale na comunidade autónoma de Galiza, velaí que en territorios como o asturiano non está nin recollida a súa existencia.