O compañeiro Pintos condenado a 9 meses de cadea por defender ás mariscadoras de Mugardos
O Movemento pola Base considera “un novo ataque contra o modelo sindical combativo e de loita” a condena feita pública na sentenza contra o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, e critica que “os Policias que agrediron a mariscadoras e sindicalistas non sexan os condenados”. Denuncian tamén desde o MpB que en todo o proceso xudicial ao que se tivo que enfrontar en Ferrol o secretario comarcal da CIG, “a propia central sindical nacionalista a nivel nacional non emitiu ningún posicionamento de apoio nin amosou ningún tipo de solidariedade co noso compañeiro”.
Sentenza feita pública o 29 de maio
O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, que foi xulgado en distintas xornadas ao longo do mes de maio xa ten sentenza: foi condenado por un delito de atentado contra axentes da autoridade a 6 meses e 1 dia de prisión, e por un delito de lesións a 3 meses e 1 dia de prisión, asi como unha indemnización de 1220,74 céntimos. Os feitos polo que se xulgaron ao noso compañeiro remóntanse ao 18 de setembro do ano 2001, cando tivo lugar unha brutal carga policial na praia da Barca de Mugardos, cando o secretario comarcal chegou á zona acompañando ao colectivo de mariscadoras coa intención de denunciar a actividade extractiva que estaba levando a cabo outro grupo de traballadoras, no marco dun conflito laboral previo na confraria de Mugardos. Nesta carga foron feridas 20 mariscadoras e o propio Pintos, que se personaron como acusación particular contra estes Policias, pero aos que non se lles condenou. Pintos enfrontábase a unha petición de condena de cinco anos e tres meses de prisión, 20 fins de semana de arresto e unha multa de 10 meses a razón de 30 euros o día, que realizaba no 2002 a Xunta de Galiza, demanda de pena máis dura que a da Fiscalía, que solicitaba dous anos e medio de prisión. "Sentenza inxusta"
Desde o Movemento pola Base consideramos que esta sentenza é inxusta e que pon enriba da mesa de novo o papel que está a xogar as institucións xudiciais xa que se tenta con condenas como esta criminalizar aos representantes visíbeis do sindicalismo máis combativo, asi como o modelo sindical que representa a CIG na comarca de Ferrol, e nomeadamente o papel de defensa e loita polos dereitos das traballadoras e traballadores do noso compañeiro Xesús Anxo López Pintos . Tamén criticamos que os únicos absoltos de novo sexan aqui os Policias, que poden agredir a traballadores e traballadoras con total impunidade, poden defender os intereses patronais en conflitos laborais, vulnerando todo tipo de dereitos, poden presentarse partes médicos de vinte mulleres polas súas agresións, mais sempre son eles os inocentes e nos que acredita finalmente a xustiza.
Críticas á posición mantida pola dirección a nivel nacional da CIG Non podemos esquecer e queremos facer público a nosa desconformidade coa actitude mantida pola dirección da CIG a nivel nacional en todo este proceso, que estivo ausente e que non deu ningunha mostra de solidariedade nin apoio ao noso compañeiro, que desde logo si que contou co apoio das mariscadoras de Mugardos, asi como de centos de traballadores e traballadoras da comarca de Ferrol, que o estiveron apoiando en cada unha das xornadas do xuízo, que ateigaron a sala na que tiñan lugar estes xuízos e que deron boa mostra do cariño e apoio que este secretario comarcal ten en Ferrolterra. Nese sentido lamentamos a actitude sectaria da dirección a nivel nacional da central sindical CIG que por non pertencer o secretario comarcal de Ferrol á maioría desa dirección non foi apoiado nin respaldado como debera. Por último, sinalar desde o MpB que continuaremos a reclamar a libre absolución do noso compañeiro Pintos, e a denunciar este sistema que criminaliza a quen loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, e defende aos que especulan, explotan e golpean a esta clase traballadora que non se rende.